Saturday 27 de April de 2024

76 pilotos de Galicia, Asturias, Castela-León e Portugal compiten esta fin de semana no V Rallymix Concello de Touro


A proba automobilística valedeira para o Campionato Xunta de Galicia Rallymix 2022 dispútase nas pistas de terra e asfalto do Concello de Touro

Un total de 76 pilotos de Galicia, Asturias, Castela-León e Portugal competirán esta fin de semana, 30 de abril e 1 de maio de 2022, no V Rallymix Concello de Touro, que terá lugar nas pistas de terra e asfalto do Concello de Touro. O V Rallymix Concello de Touro, organizado pola escudería Touro Motor con apoio da Federación Galega de Automobilsmo, e o Concello de Touro, é valedeiro e puntuable para o Campionato Xunta de Galicia Rallymix 2022. Os inscritos en kartcross suman 26 pilotos. Os outros 50 competirán na categoría de turismos.

José Ramón González, presidente da Escudería Touro Motor, destaca que o próximo sábado e domingo chegarán ata o circuito de Touro a maioría dos pilotos que loitan polo Campionato de Galicia Rallymix 2022. Esta é a segunda proba. “En Touro estarán os mellores”, lembra José Ramón González, tamén presidente do comité organizador, quen destaca que a proba desperta moito interese entre os afeccionados ao automobilismo do noreste peninsular.

O Rallymix Concello de Touro 2022 conta cunha parte do trazado sobre asfalto e outra parte sobre terra. O circuito ten a saída e a meta nas proximidades de Loxo. O sábado 30 de abril a primeira manga empezará ás 12.30 horas. E haberá outras dúas mangas nese día, que comenzarán ao remate das anteriores. O domingo día 1 de maio contará con outras dúas mangas. A primeira proba ese día está prevista para ás 09.00 horas; e a segunda comenzará nada máis rematar esa cuarta pasada da proba. Posteriormente está prevista a entrega de trofeos.

O presidente da Escudería Touro Motor confía en que acuda numeroso público e afeccionados de toda Galicia e de fóra da comunidade autónoma a presenciar a proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia Rallymix 2022. Espérase un fin de semana asollado. “Queremos desexarlle sorte a todos os inscritos e que todo o afeccionado que se achegue a Touro poida desfrutar da emoción dunha fin de semana de automobilismo”, destaca o presidente da Escudería Touro Motor, José Ramón González.